venres, 14 de xuño de 2019

ESPELLOS ( Eduardo Galeano)




            Hoxe os Atrapasoños tivemos a última sesión do curso .  A obra seleccionada  neste caso, "Espellos",  pertence ao autor uruguaio Eduardo Galeano.  
Nesta obra  podemos atopar contemplados, dunha maneira peculiarísima e chea de poesía , moitos episodios da historia da humanidade e moitos personaxes que normalmente son esquecidos ou menos considerados . Lemos algúns  fragmento como "Fundación do machismo", "Fundación da beleza",  "A nai dos contacontos" ou "De desexo somos". Tamén escoitamos a voz do propio Galeano cunha fermosisima mensaxe emitida hai uns anos na televisión.




            Ao final fixemos un sorteo de libros entre os  membros do club. Foi un pracer compartir convosco tantas lecturas e tantos momentos fermosos. 
Ata o curso vindeiro , Atrapasoños!

venres, 31 de maio de 2019

RAPAZ OMEGA ( César Mallorquí)



Hoxe na sesión de Atrapasoños lemos un relato de César Mallorquí titulado "Rapaz Omega" que está incluído co título "Chico omega" na antoloxía    titulada "21 relatos contra el acoso escolar". Este libro iniciativa de Fernando Marías e Silvia Pérez, reúne un conxunto de textos escritos desde diferentes perspectivas pero co tema común do bulling na escola.
O que lemos hoxe no club pon os pelos de punta, trata da xornada dun rapaz que vive en silencio a súa angustia , cada día é como levantarse no inferno...



venres, 10 de maio de 2019

FELICIDADE CLANDESTINA ( Clarice Lispector)





Clarice Lispector é considerada unha das  mellores escritoras do Brasil e hoxe os Atrapasoños desfrutamos dun dos seus relatos máis coñecidos: “Felicidade clandestina”, incluído no seu libro co mesmo título.
No conto unha rapariga sofre a crueldade dunha amiga súa que, posuidora dun libro que ela desexa ler, apraza un día tras doutro o préstamo prometido. A autora é capaz de conducir a trama cara a un final feliz no que a protagonista consegue  o libro desexado, mais telo provoca nela un sentemento de clandestinidade semellante ao de ter un amante.





venres, 26 de abril de 2019

CORDEIRO ASADO (Road Dahl)

                                

Hoxe os Atrapasoños lemos un texto de Road Dahl titulado   Cordeiro asado,  un conto de intriga con sorpresa ao final, que foi levado ás pantallas por Alfred Hitchcock. Durante a narración  váisenos contando de maneira pausada unha escena cotiá: Mary, unha ama de casa, espera o seu home para cear . Pero hai algo que modifica o cotián e entón comezamos a notar  a tensión . Ao final Mary , durante o rexistro policial que se realiza na súa casa, ten unha idea que resolve o conflito creado. 




venres, 5 de abril de 2019

O VELLO QUE QUERÍA VER O TREN ( Rafael Dieste)


                 



  Os Atrapasoños escollemos un conto de trens para ler durante a nosa viaxe en tren a Madrid. Trátase dun relato moi breve de Rafael Dieste incluído na súa obra Dos arquivos do trasno, que leva por título "O vello que quería ver o tren". Nesta narración contrástase  un mundo a piques de desaparecer cos novos tempos, simbolizados no tren que chega a unha vila. Un vello quere ver a modernidade, o vínculo cos novos xeitos de vivir, fóra da aldea e para el descoñecidos. Os fillos cúmprenlle o antollo ao vello, mais non entenden nada... só o netiño sente con el esa arela.

venres, 29 de marzo de 2019

HISTORIA COMPLETAMENTE ABSURDA ( Giovanni Papini)


O relato de hoxe pertence a un dos grandes escritores do século XX,  Giovanni Papini. Este autor italiano , admirado por Borges, foi un mestre do xénero fantástico que deixou grande influencia na literatura italiana logrando tamén o recoñecemento internacional.
No conto titulado “Historia completamente absurda”, un célebre escritor está redactando as súas memorias cando recibe a visita dun mozo cun libro que ten escrito. O mozo quere saber se o seu libro merece ser publicado e comeza a lerlle o seu contido . É aquí onde comeza o misterio...




                 Un minilibro máis que pasa a formar parte do noso Atrapasoños.

venres, 22 de marzo de 2019

CONTOS DE ESTRELAS (VVAA)


              Hoxe a sesión do club de lectura estivo dedicada  a un libro que leva por título "Contos de estrelas". Trátase dun conxunto de relatos , procedentes de diferentes culturas, que teñen como centro algún fenómeno astronómico. Desde antano os seres humanos trataron de explicar os misterios da natureza  para os que non tiñan aínda explicación científica; para facelo inventaron moitas e fermosas historias que percorreron os diferentes lugares do planeta. Os relatos teñen ao final unha sinxela explicación científica sobre o fenómeno, hoxe xa coñecido, ao que se refiren.




 


 




Erea pendura  o minilibro de hoxe no Atrapasoños

venres, 22 de febreiro de 2019

LIBRE O MEU PENSAMENTO! ( ROSALÍA DE CASTRO)


Ao final , cada un cun libro e unha flor.
Hoxe o día estivo dedicado a Rosalía de Castro. Os Atrapasoños lemos unha selección de poemas da escritora nun acto protagonizado polo alumnado de 3º de ESO. 
Do XIX ao XXI Libre o meu pensamento! era o lema proposto  este ano para conmemorar esta data. A rapazada berrou  esta consigna  en varias ocasións despois da lectura de textos significativos sobre a emigración, a marxinación da muller ,  a defensa da lingua , etc.
Andrea e Laura acompañaron algunha das composicións coas súas pandeiretas, escoitamos versións musicadas das súas poesías e ao final , coa axuda da interpretación ao piano de Juan Vilas, cantamos todos " Adiós ríos, adiós fontes".
Cada participante levou como agasallo un minilibro cos poemas de Rosalía e unha flor.

Xuntanza para facer as lecturas dos poemas
Biblioteca ambientada para a ocasión


Minilibros para os Atrapasoños

Juan interpretando ao piano.






venres, 15 de febreiro de 2019

CORDELIAS ( Adela Fernández)


      Hoxe  os Atrapasoños lemos “Cordelias”, un conto de Adela Fernández  incluído nos seu libro  Duermevelas.

     A maxia e os asuntos extraordinarios enchoupan a vida cotiá dos personaxes deste relato, por iso Cordelia pasou a ser moitas Cordelias dunha forma tan sorprendente e por iso hai que ter coidado cos espellos…








venres, 1 de febreiro de 2019

A VIDA DIFÍCIL ( Sławomir Mrożek )


      
     Hoxe os Atrapasoños de 3º e 4º de ESO, lemos dous relatos do libro de Sławomir Mrożek titulado A vida difícil.
      No primeiro, "Revolución", un home, insatisfeito pola orde na disposición dos mobles do seu cuarto, decide  cambialos  de lugar varias veces, para renovarse el tamén cos cambios . Sucesivamente vai someténdose ao novidoso, ao insólito e   ao incómodo ata chegar mesmo ao sufrimento.
    No segundo dos relatos,titulado"Nun medio de transporte", somos testemuñas do que acontece dentro dun autobús: un pasaxeiro non cede o seu asento a unha anciá, e os demais, que presencian o feito, indígnanse con el, pero tampouco ceden o seu sitio.
Ambos os dous contos nos serviron para reflexionar sobre  certos comportamentos humanos.


 Os membros do club falando sobre os relatos.



Cecilia pendurou hoxe o minilibro no Atrapasoños.

sábado, 26 de xaneiro de 2019

A MANCHA DE HUMIDADE ( Juana de Ibarbourou)



























              Hoxe lemos o conto titulado "A mancha de humidade", da escritora  Juana de  Ibarbourou . Nel, a narradora protagonista lembra un feito que para ela simboliza a perda da infancia e dos soños, da  capacidade de fuxir da realidade ... porque “ningunha bágoa rescata o mundo que se perde nin o soño que se esvae