venres, 22 de febreiro de 2019

LIBRE O MEU PENSAMENTO! ( ROSALÍA DE CASTRO)


Ao final , cada un cun libro e unha flor.
Hoxe o día estivo dedicado a Rosalía de Castro. Os Atrapasoños lemos unha selección de poemas da escritora nun acto protagonizado polo alumnado de 3º de ESO. 
Do XIX ao XXI Libre o meu pensamento! era o lema proposto  este ano para conmemorar esta data. A rapazada berrou  esta consigna  en varias ocasións despois da lectura de textos significativos sobre a emigración, a marxinación da muller ,  a defensa da lingua , etc.
Andrea e Laura acompañaron algunha das composicións coas súas pandeiretas, escoitamos versións musicadas das súas poesías e ao final , coa axuda da interpretación ao piano de Juan Vilas, cantamos todos " Adiós ríos, adiós fontes".
Cada participante levou como agasallo un minilibro cos poemas de Rosalía e unha flor.

Xuntanza para facer as lecturas dos poemas
Biblioteca ambientada para a ocasión


Minilibros para os Atrapasoños

Juan interpretando ao piano.






venres, 15 de febreiro de 2019

CORDELIAS ( Adela Fernández)


      Hoxe  os Atrapasoños lemos “Cordelias”, un conto de Adela Fernández  incluído nos seu libro  Duermevelas.

     A maxia e os asuntos extraordinarios enchoupan a vida cotiá dos personaxes deste relato, por iso Cordelia pasou a ser moitas Cordelias dunha forma tan sorprendente e por iso hai que ter coidado cos espellos…








venres, 1 de febreiro de 2019

A VIDA DIFÍCIL ( Sławomir Mrożek )


      
     Hoxe os Atrapasoños de 3º e 4º de ESO, lemos dous relatos do libro de Sławomir Mrożek titulado A vida difícil.
      No primeiro, "Revolución", un home, insatisfeito pola orde na disposición dos mobles do seu cuarto, decide  cambialos  de lugar varias veces, para renovarse el tamén cos cambios . Sucesivamente vai someténdose ao novidoso, ao insólito e   ao incómodo ata chegar mesmo ao sufrimento.
    No segundo dos relatos,titulado"Nun medio de transporte", somos testemuñas do que acontece dentro dun autobús: un pasaxeiro non cede o seu asento a unha anciá, e os demais, que presencian o feito, indígnanse con el, pero tampouco ceden o seu sitio.
Ambos os dous contos nos serviron para reflexionar sobre  certos comportamentos humanos.


 Os membros do club falando sobre os relatos.



Cecilia pendurou hoxe o minilibro no Atrapasoños.