xoves, 31 de maio de 2018

VIRÁN CHOIVAS SUAVES


        O conto de hoxe é "Virán choivas suaves", incluído na colección " Crónicas marcianas" de Ray Bradbury dá moito que pensar. O autor de ciencia ficción sitúanos nun  futuro 2026, cando  a vida humana desaparece, autodestruída pola  guerra ; porén as máquinas intelixentes inventadas polas persoas perviven.
 Preséntasenos un paradoxo : realmente a especie humana é  tan intelixente? 

Virán choivas suaves e cheiros de terra,
e anduriñas que virarán con brillante son;
e ras que cantarán de noite nos  estanques
e  ameixeiras de tremente branco
e  paporrubios que vestirán plumas de lume
e asubiarán nos arames das cercas;
e ninguén saberá nada da guerra,
a ninguén lle interesará que terminase.
A ninguén lle importará, nin aos paxaros nin ás árbores,
se a humanidade se destrúe totalmente;
e a mesma primavera, ao espertar  á alba,
apenas saberá que desaparecemos.

Durante a sesión de lectura, os Atrapasoños ben atentos.


Cada vez son máis os libriños pendurados!

xoves, 24 de maio de 2018

REDACCIÓN


          Os Atrapasoños dedicamos a sesión de hoxe ao conto "A redacción" do escritor catalán Quim Monzó. Un neno escribe para a escola como é un día de domingo. Nas súas palabras infantís e un tanto fragmentarias , imos descubrindo o drama familiar, tantas veces repetido por desgraza , da violencia machista. A perspectiva do neno acentúa a traxedia . A lectura da "redaccion" encolleu o corazón d@s que a lemos hoxe.

  
Como sempre, un minilibro e marcapáxinas para os membros do club.

Elena foi hoxe a Atrapasoños encargada de pendurar o minilibro.



xoves, 3 de maio de 2018

CANTO SE DIVERTÍAN

 
   Hoxe os Atrapasoños pequenos leron o relato de Isaac Asimov titulado "Canto se divertían" . O autor, que destacou no xénero da Ciencia Ficción e a divulgación científica,expón a súa visión sobre o futuro da educación e sorprendentemente realiza profecías  que se cumpriron  coa creación de Internet . 
    Asimov sostiña que existiría un modelo de educación no que cada rapaz , na súa casa puidese de xeito complementario á escola  contar cunha computadora, e facer todas as preguntas que quixese, podendo investigar sobre o que lle interese saber ao seu propio ritmo.


Chema foi o afortunado, levou un libro de Asimov no sorteo de hoxe.