xoves, 22 de febreiro de 2018

22 SEGUNDOS


A identidade sexual é unha vivencia interna e tamén íntima. Está relacionada coa percepción que cada individuo ten sobre o seu corpo e os seus trazos físicos, no entanto esta percepción pode non corresponder co sexo  determinado no nacemento. Sobre esta cuestión trata este libro de Eva Mejuto no que Alex ten que vivir co nome de Xela e nun corpo feminino. Un tema que cómpre coñecer para aprender a respectar.
Outra xuntanza de  Atrapasoños exitosa. Sodes xeniais!

No sorteo do libro que fixemos hoxe a afortunada foi Paula de 4º de ESO.



xoves, 8 de febreiro de 2018

DOS ARQUIVOS DO TRASNO


Hoxe o conto lido foi " O neno suicida" de Rafael Dieste. Este escritor , na súa obra "Dos arquivos do trasno", introduciu importantes innovacións na narrativa galega. Como neste relato, no que se anticipa dúas décadas á obra de Alejo Carpentier, ao tratar a historia dun home que nace de vello e vai cara á mocidade co paso dos anos. Foron varios os lectores que sinalaron tamén a coincidencia coa película "O curioso caso de Benjamin Button".



xoves, 1 de febreiro de 2018

MADE IN GALIZA

Na sesión desta semana tocoulles aos Atrapasoños de 3º e 4º de ESO. Os textos escollidos para a lectura pertencen á obra de Séchu Sende, Made in Galiza. "Unha palabra común" e " As veces sinto que no meu país faltan palabras"  servíronnos para reflexionar sobre a situación do idioma, e tamén para emocionarnos un pouquiño.  



Penduramos no noso Atrapasoños  un minilibro de Made in Galiza .
Moitas grazas, rapazada, pola vosa participación!