xoves, 19 de outubro de 2017

CONSTITUCIÓN DO CLUB DE LECTURA




Hoxe fundamos o noso club de lectura, que leva como nome, ATRAPASOÑOS

Un atrapasoños é un obxecto composto por un aro circular, sobre o que se tece unha rede en forma de tea de araña e que adoita estar decorado con plumas e contas. Como tal , é un amuleto propio do pobo ojibwa, nativo de América do Norte, que lle atribuía características máxicas.

A LENDA
“ Hai moito tempo, cando o mundo era novo, un vello líder espiritual do pobo Lakota, estaba nunha alta montaña e tivo unha visión. Iktomi, o grande mestre da sabedoría, aparecéuselle coa forma dunha araña e faloulle nunha linguaxe solemne e máxica, que só os líderes espirituais dos Lakota podían entender. Mentes falaba a araña tomou un aro de salgueiro , o de maior idade, tamén colleu plumas, pelo de cabalo, contas e outras ofrendas, e comezou a tecer unha arañeira. Falaba co ancián sobre os círculos da vida, de como comezamos sendo meniños, logo medramos e pasamos pola nenez, a puberdade e a mocidade, chegamos á idade adulta e finalmente, facémonos anciáns volvendo precisar coidados,como cando eramos cativiños. Así pechamos o noso ciclo. Mentres continuaba tecendo a súa rede, explicaba que en cada tempo da vida hai moitas forzas , algunhas boas e outras malas; as boas guíannos  na dirección correcta, pero se escoitamos as forzas que interfiren na harmonía da natureza e nas súas marabillosas ensinanzas, entón camiñaremos  na dirección equivocada. Cando rematou de falar díxolle ao ancián Lakota dándolle a rede tecida:
-          “ Mira a arañeira, é un círculo perfecto cun furado no centro, úsaa para axudar á túa xente, para acadar as túas metas e facer bo uso dos desexos , dos soños e das visións das persoas. As boas ideas quedarán presas na rede e as malas coaranse polo buraco e perderanse”.

Esta lenda conta a orixe dos atrapasoños. Os pobos indíxenas colgaban  atrapasoños no alto das súas camas e nas súas casas, para poderen capturar o bo dos seus soños e desbotar o malo, através do burato central da arañeira.
Dun xeito simbólico o noso club de lectura leva este nome e ten un atrapasoños como distintivo , porque desde agora, os membros do club seremos atrapasoños e a lectura a nosa arañeira.


Os libros han ser o amuleto que nos axudará  atrapar as cousas que nos fan felices e nos fan medrar.



Felices lecturas, queridos e queridas atrapasoños.

Ningún comentario:

Publicar un comentario