xoves, 12 de abril de 2018

PIONEIRAS


     Na xuntanza de hoxe os Atrapasoños coñecemos algunhas mulleres galegas que foron pioneiras en diferentes ámbitos.
     En concreto centrámonos na figura de Irene González, a primeira galega que formou parte dun equipo masculino de fútbol. A personaxe deunos para falar das desigualdades vividas polas mulleres no mundo do deporte , un máis de tantos ámbitos nos que ocupamos un lugar secundario, e non pola falta de méritos, senón polas discriminacións que aínda hoxe temos que sufrir.
   Tamén lemos a historia das dúas mulleres da Coruña que casaron nos comezos do século XX, clandestinamente,  porque o seu amor non era aceptado. 
   Estas historias e as doutras mulleres foron collidas do álbum titulado Pioneiras,
de Anaír Rodríguez, que  fala de doce galegas que conseguiron vencer as barreiras impostas ao seu xénero.



xoves, 5 de abril de 2018

UN BOSQUE CHEO DE FAIAS


    Un bosque cheo de faias  de Francisco Castro queda tamén desde hoxe pendurado do noso Atrapasoños .      
    Este libro , sobre o que fixemos a sesión de hoxe, recrea o mundo da violencia neonazi.  Nel cóntase como un grupo ultra e racista comeza a dar sinais de vida na cidade na que viven Alexandre, Manuel e Antón. Os ultras  exercen a súa carraxe criminal en Nelson, un rapaz inmigrante de quince anos que só desexa ter unha vida normal. Será entón cando os seus amigos comecen unha investigación que os levará a coñecer mellor esa ideoloxía discriminatoria e a rebelarse contra ela.       
    No sorteo do libro, a afortunada de hoxe foi Andrea, de terceiro da ESO. Moitos parabéns, e grazas de novo por asistir, queridos Atrapasoños.

   

xoves, 22 de marzo de 2018

POETÍZATE

          Hoxe os Atrapasoños , con motivo da conmemoración do día da poesía, dedicamos a sesión de lectura aos textos poéticos. Lemos textos de diferentes autoras/es e para iso servímonos da antoloxía de Fran Alonso titulada Poetízate.
 Porque como se di neste libro , a poesía non morde, nin é aburrida, nin romantícona , nin difícil.  
           É moi satisfactorio ter tanta asistencia cada xoves. Grazas, Atrapasoños!


No sorteo de hoxe a afortunada que levou un exemplar do libro foi Nuria. Moitos parabéns!


E os asistentes tamén levaron, como sempre, un minilibro cunha selección de poemas e un marcapáxinas.


xoves, 15 de marzo de 2018

PAN CON CHOCOLATE


          Hoxe no club lemos Pan con chocolate , un relato de María Victoria Moreno , a autora á que este ano está  dedicado o día das Letras Galegas. 
           Eva e Adonay son os personaxes protagonistas , amigos desde cativiños a pesar da súa diferenza racial. Comparten o seu amor polas palabras e xuntos xogan a dicilas e a saborear o seu son. Mais aínda que a eles non lles importa , o feito de ser Adonay un rapaz xitano, condiciona a súa situación persoal  e tamén o seu tráxico final.
É un relato de sabor triste pero moi fermoso ao mesmo tempo.


xoves, 1 de marzo de 2018

CONTOS VELLOS PARA RAPACES NOVOS

As Atrapasoños pequenas hoxe leron un conto recollido por Xosé Neira Vilas no seu libro Contos vellos para rapaces novos    Estiveron moi antentas . 


xoves, 22 de febreiro de 2018

22 SEGUNDOS


A identidade sexual é unha vivencia interna e tamén íntima. Está relacionada coa percepción que cada individuo ten sobre o seu corpo e os seus trazos físicos, no entanto esta percepción pode non corresponder co sexo  determinado no nacemento. Sobre esta cuestión trata este libro de Eva Mejuto no que Alex ten que vivir co nome de Xela e nun corpo feminino. Un tema que cómpre coñecer para aprender a respectar.
Outra xuntanza de  Atrapasoños exitosa. Sodes xeniais!

No sorteo do libro que fixemos hoxe a afortunada foi Paula de 4º de ESO.



xoves, 8 de febreiro de 2018

DOS ARQUIVOS DO TRASNO


Hoxe o conto lido foi " O neno suicida" de Rafael Dieste. Este escritor , na súa obra "Dos arquivos do trasno", introduciu importantes innovacións na narrativa galega. Como neste relato, no que se anticipa dúas décadas á obra de Alejo Carpentier, ao tratar a historia dun home que nace de vello e vai cara á mocidade co paso dos anos. Foron varios os lectores que sinalaron tamén a coincidencia coa película "O curioso caso de Benjamin Button".



xoves, 1 de febreiro de 2018

MADE IN GALIZA

Na sesión desta semana tocoulles aos Atrapasoños de 3º e 4º de ESO. Os textos escollidos para a lectura pertencen á obra de Séchu Sende, Made in Galiza. "Unha palabra común" e " As veces sinto que no meu país faltan palabras"  servíronnos para reflexionar sobre a situación do idioma, e tamén para emocionarnos un pouquiño.  



Penduramos no noso Atrapasoños  un minilibro de Made in Galiza .
Moitas grazas, rapazada, pola vosa participación!




xoves, 25 de xaneiro de 2018

"SABELA"


Os Atrapasoños nesta ocasión  lemos o relato  de Castelao que leva por título "Sabela" , incluído na súa obra Retrincos. O conto serviu para reflexionarmos sobre o paso do tempo e as mudanzas que acontecen na vida.Tamén para falarmos sobre o grande Castelao, ao que tanto lle debemos @s galeg@s.
Fixemos outravolta unha versión en minilibro e un marcapáxinas para cada un dos membros do club. Chema deixou un exemplar pendurado no noso Atrapasoños.



As súas verbas tiñan o labio salgado dos mariscos. Os dicires escintilaban contentamento, e nos seus arredores non podía medrar a tristura. O riso facíalle goios de amor nas fazulas, poñíalle pintiñas de malicia nos ollos e brillo de nácara nos dentes"
("Sabela" , en Retrincos de A.R. Castelao)

xoves, 11 de xaneiro de 2018

A MOZA DO PANTALÓN PIRATA



Nova reunión dos membros do club de 3º e 4º de ESO. Esta vez para lermos o conto incluído na obra de Manuel Rivas  Que me queres amor que leva por título “A moza do pantalón pirata”.
Dous homes preparan un atentado contra o ditador do seu país. Teñen unha bomba colocada nunha ponte que farán estoupar ao paso do dirixente. Saben que cada vez que pasa pola ponte, axentes de seguridade cortan o tráfico e impiden que a xente se achegue. Porén, ese día chega unha rapaza en bicicleta , vestida cun pantalón pirata, detense a mirar o río, xusto cando eles van detonar o explosivo. Entón dubidan que han de facer…
Cando o escritor está pensando o desenlace da historia irrompe a súa filla  e a realidade ensaríllase coa ficción ...
Dá moito que falar este relato:
Onde acaba a ficción?
Pode a literatura cambiar a realidade?
É dono o escritor da súa creación literaria?