xoves, 30 de novembro de 2017

"SMS" ... QUE PASA CANDO UN LÍDER VENCE A NOSA VONTADE?

Hoxe lemos o relato "SMS" de Carlos Mosteiro, incluído no volume colectivo "Historias  para ler e mirar" . Neste conto trátase sobre o poder que exercen os líderes negativos, sobre o maltrato entre iguais , sobre a violencia ... Os Atrapasoños fixeron reflexións ben interesantes sobre o seu contido.
Levaron novo marcapáxinas e  minilibro co conto impreso.

xoves, 23 de novembro de 2017

A ESENCIA DA CIDADE. Un relato contra a violencia de xénero.

                     Achégase  o día 25 de novembro, no recibidor Inés de Nieves fixo unha exposición homenaxe a todas as mulleres mortas, asasinadas .Elas, as vítimas da violencia machista, ocupan toda a nosa atención no instituto. 
A Biblioteca A Esperela súmase  a este xesto de protesta perante a inxustiza . 


Resultado de imaxes para A esencia da cidade

                  O relato escollido hoxe vai tamén nesta liña reivincativa , titúlase     " A esencia da cidade" de María Reimóndez. Trátase dun texto autobiográfico no que a autora nos fai reflexionar sobre a situación de moitas mulleres na súa relación de parella. Este relato foi posto na rede a disposición de todos os que queiran lelo; podedes descargalo aquí .







luns, 20 de novembro de 2017

UN ATRAPASOÑOS COAS NOSAS LECTURAS

Desde hoxe estará no noso recanto da biblioteca este atrapasoños. En tamaño xigante. Nel iremos pendurando minilibros , coas nosas lecturas.


xoves, 16 de novembro de 2017

A APOSTA DO TRASNO


Neste xoves, os Atrapasoños escollemos unha lenda e a súa versión en verso : O libro do que procede é unha delicia : Lendo lendas digo versos de Antonio Reigosa e Antonio García  Teijeiro.

A rapazada incluso arrincou a recitar despois da sesión de lectura! 
Como agasallo levaron cada un un atrapasoños artesanal, un marcapáxinas sobre a obra e un folleto que recolle o relato.


Cada membro do club leva un atrapasoños artesanal , o conto nun folleto e un marcapáxinas.


venres, 10 de novembro de 2017

O NOSO DISTINTIVO

Nestes días estamos a facer pequenos atrapasoños, colgantes para agasallar aos membros do club. Son o noso distintivo, o símbolo que representa o desexo de atrapar os soños por medio das lecturas. 


xoves, 9 de novembro de 2017

" SOÑAR ESPERTO"

      "Soñar esperto" é o título do conto que lemos hoxe na sesión de Atrapasoños, o noso club de lectura. 
      O conto escollido atópase na obra Que desfeita  de  Paul Jennings  e reflicte moi ben o obxectivo do noso club, atrapar soños,  o mesmo que o protagonista deste conto que ve o seu soño convertido en realidade co nacemento do seu irmán. O alumnado de 1º e 2º de ESO foi o destinatario nesta ocasión.


Todos levaron, como sempre, cadanseu marcapáxinas, para recordar a obra.






martes, 31 de outubro de 2017

A VISITA / O SUSO

           Hoxe tivemos a sesión de Atrapasoños co alumnado de 3º e 4º de ESO, os contos escollidos foron bastante misteriosos e acaídos para  Samaín:   "O Suso"  de O crepúsculo e as formigas, de X. L. Méndez Ferrín e "A visita", de Xohán Casal.

A visita de Belén Iglesias Gómez

Os Atrapasoños levan outra vez un marcapáxinas, para lembrar a obra da que escollemos o conto de hoxe.


xoves, 26 de outubro de 2017

ATRAPASOÑOS NA BIBLIOTECA.

Xa sabedes que os xoves hai sesión de Atrapasoños. Os membros do club de lectura reunímonos para ler e falar dos nosos contos e dos contos que lemos.
Non faltedes, estades convidados!

O CASO DO EXTRAÑO EMPREGADO

Hoxe tivemos na Esperela a primeira xuntanza do club de lectura Atrapasoños. Os convocados eran os alumnos e alumnas de 1º e 2º e a primeira lectura un conto de Agustín Fernández Paz pertencente ao seu libro Contos por palabras
Como agasalliño de benvida, todos levaron un marcapáxinas do libro lido hoxe e mais unha libretiña.




xoves, 19 de outubro de 2017

CONSTITUCIÓN DO CLUB DE LECTURA




Hoxe fundamos o noso club de lectura, que leva como nome, ATRAPASOÑOS

Un atrapasoños é un obxecto composto por un aro circular, sobre o que se tece unha rede en forma de tea de araña e que adoita estar decorado con plumas e contas. Como tal , é un amuleto propio do pobo ojibwa, nativo de América do Norte, que lle atribuía características máxicas.

A LENDA
“ Hai moito tempo, cando o mundo era novo, un vello líder espiritual do pobo Lakota, estaba nunha alta montaña e tivo unha visión. Iktomi, o grande mestre da sabedoría, aparecéuselle coa forma dunha araña e faloulle nunha linguaxe solemne e máxica, que só os líderes espirituais dos Lakota podían entender. Mentes falaba a araña tomou un aro de salgueiro , o de maior idade, tamén colleu plumas, pelo de cabalo, contas e outras ofrendas, e comezou a tecer unha arañeira. Falaba co ancián sobre os círculos da vida, de como comezamos sendo meniños, logo medramos e pasamos pola nenez, a puberdade e a mocidade, chegamos á idade adulta e finalmente, facémonos anciáns volvendo precisar coidados,como cando eramos cativiños. Así pechamos o noso ciclo. Mentres continuaba tecendo a súa rede, explicaba que en cada tempo da vida hai moitas forzas , algunhas boas e outras malas; as boas guíannos  na dirección correcta, pero se escoitamos as forzas que interfiren na harmonía da natureza e nas súas marabillosas ensinanzas, entón camiñaremos  na dirección equivocada. Cando rematou de falar díxolle ao ancián Lakota dándolle a rede tecida:
-          “ Mira a arañeira, é un círculo perfecto cun furado no centro, úsaa para axudar á túa xente, para acadar as túas metas e facer bo uso dos desexos , dos soños e das visións das persoas. As boas ideas quedarán presas na rede e as malas coaranse polo buraco e perderanse”.

Esta lenda conta a orixe dos atrapasoños. Os pobos indíxenas colgaban  atrapasoños no alto das súas camas e nas súas casas, para poderen capturar o bo dos seus soños e desbotar o malo, através do burato central da arañeira.
Dun xeito simbólico o noso club de lectura leva este nome e ten un atrapasoños como distintivo , porque desde agora, os membros do club seremos atrapasoños e a lectura a nosa arañeira.


Os libros han ser o amuleto que nos axudará  atrapar as cousas que nos fan felices e nos fan medrar.



Felices lecturas, queridos e queridas atrapasoños.