venres, 30 de novembro de 2018

MASCULINO SINGULAR


                    Hoxe, igual que a semana pasada , a sesión de Atrapasoños estivo dedicada a Carlos Negro, nesta ocasión á súa obra Masculino singular. Os seus poemas “Baldosas”, “Toy Story” e “Cadernos Rubio” ocuparon un recanto no recibidor do instituto, ilustrando magnificamente a nosa repulsa contra a violencia machista. Na sesión de hoxe do club de lectura falamos destes poemas e doutros textos que amosan con moita claridade os roles diferenciados  que a sociedade atribúe a  homes e mulleres. Falar do sexismo, partindo dun magnífico libro, é unha das mellores maneiras de coñecer o problema e comezar a combatelo. 

Lendo uns fragmentos  durante a xuntanza 

       Paula pendurando o minilibro no noso Atrapasoños

                                   Poemas de Carlos Negro , expostos no recibidor do instituto.

venres, 23 de novembro de 2018

PENÚLTIMAS TENDENCIAS

               
            A proximidade do día contra a violencia de xénero marca a nosa selección para as lecturas desta semana. As Atrapasoños de 1º e 2º de ESO   asistiron hoxe a una sesión dedicada a textos contra a violencia de xénero , entre os que tiveron especial protagonismo os poemas de Carlos Negro .
           
       Nesta ocasión foron as rapazas , Atrapasoños de 2º de ESO, as que estiveron a reflexionar en voz alta sobre algúns  dos  poemas lidos que poñen en cuestión os roles que sempre se lles atribúen ás mulleres . 

Carolina  foi a encargada hoxe de poñer o minilibro no noso Atrapasoños, que comeza a lucir na Esperela  coas lecturas deste curso.

MOITAS GRAZAS A TODAS

venres, 16 de novembro de 2018

ALGUNHAS PECULIARIDADES DOS OLLOS ( Philip K. Dick)


          Minilibros e marcapáxinas para os Atrapasoños 

             “Perder a cabeza”, “falar polos cóbados”, “meter a pata”, “non ter pés nin cabeza”, “botar unha man” son algunhas das expresións  con sentido figurado que usamos para falarmos decote. Resulta sorprendente o que significarían se as interpretásemos de maneira literal. Este é precisamente o xogo que se fai no relato que lemos hoxe na sesión de Atrapasoños, titulado “Algunhas peculiaridades dos ollos”, cuxo  protagonista sospeita a presenza de extraterrestres mentres le un libro...
             O seu autor , Philip K. Dick , é un prolífico escritor de ciencia ficción estadounidense , influiu notablemente neste xénero e varias das súas novelas foron adaptadas ao cine.

 Parolando sobre o conto


Ricardo pendura o minilibro no noso atrapasoños 

venres, 9 de novembro de 2018

ROMPER O PORQUIÑO ( Edgar Keret)


     O relato de hoxe conta a historia dun neno ao que seu pai educa para gañar co seu esforzo as cousas que quere, por iso debe aforrar cartos decote. No proceso porén, o neno non recoñece a importancia de atesourar diñeiro para mercar cousas , senón máis ben o valor da amizade e o amor que o levarán a tomar un camino distinto ao marcado polo pai.
    Etgar Keret é un dos principais escritores contemporáneos de Israel, as súas historias breves déronlle sona mundial.




Brais colocou o minilibro no Atrapasoños da biblioteca, e xa forma parte das nosas lecturas máis queridas.

venres, 26 de outubro de 2018

ONCE ( Sandra Cisneros)


 

Hoxe comezamos  de novo a actividade dos Atrapasoños, o noso club de lectura. Foi unha grande satisfacción  ter tanta asistencia neste novo encontro na biblioteca escolar.  Na primeira sesión do curso o relato escollido foi o titulado "Once" de Sandra Cisneros, unha escritora, novelista e poeta estadounidense de ascendencia mexicana, moi coñecida polas súas obras A Casa en Mango Street e Caramelo.

O relato levounos a falar de como as persoas seguimos sendo pequenos aínda que medremos, de como hai moitos sufrimentos que pasan inadvertidos , do dano que ás veces causamos sen decatarnos… Un conto ben fermoso, si.

Igual que no curso anterior, colocamos un mini libro co relato no noso ATRAPASOÑOS XIGANTE.  Os membros do club que asistiron á sesión recibiron una carpeta cun exemplar do conto e un marcapáxinas.
     








domingo, 14 de outubro de 2018

Comezamos de novo!



Feliz reencontró, queridos Atrapasoños.  Esta semana retomaremos a actividade do club de lectura. O martes ás 10.10h. haberá una sesión informativa no primeiro recreo na que explicaremos o funcinamento do club . O xoves ás 12.10 teremos a primeira sesión de lectura, dirixida ao alumnado de 3º e 4º de ESO.
Xa estamos preparando todo con moita ilusión.
Non faltedes!

xoves, 7 de xuño de 2018

MICRORRELATOS

Hoxe rematamos coas lecturas deste curso.Os Atrapasoños tivemos a última xuntanza, desta vez dedicada aos microrrelatos. Leron membros dos dous grupos lectores. A sesión puxo remate a esta viaxe feita coas lecturas. Moitas grazas e ata o curso vindeiro, queridos Atrapasoños.


xoves, 31 de maio de 2018

VIRÁN CHOIVAS SUAVES


        O conto de hoxe é "Virán choivas suaves", incluído na colección " Crónicas marcianas" de Ray Bradbury dá moito que pensar. O autor de ciencia ficción sitúanos nun  futuro 2026, cando  a vida humana desaparece, autodestruída pola  guerra ; porén as máquinas intelixentes inventadas polas persoas perviven.
 Preséntasenos un paradoxo : realmente a especie humana é  tan intelixente? 

Virán choivas suaves e cheiros de terra,
e anduriñas que virarán con brillante son;
e ras que cantarán de noite nos  estanques
e  ameixeiras de tremente branco
e  paporrubios que vestirán plumas de lume
e asubiarán nos arames das cercas;
e ninguén saberá nada da guerra,
a ninguén lle interesará que terminase.
A ninguén lle importará, nin aos paxaros nin ás árbores,
se a humanidade se destrúe totalmente;
e a mesma primavera, ao espertar  á alba,
apenas saberá que desaparecemos.

Durante a sesión de lectura, os Atrapasoños ben atentos.


Cada vez son máis os libriños pendurados!

xoves, 24 de maio de 2018

REDACCIÓN


          Os Atrapasoños dedicamos a sesión de hoxe ao conto "A redacción" do escritor catalán Quim Monzó. Un neno escribe para a escola como é un día de domingo. Nas súas palabras infantís e un tanto fragmentarias , imos descubrindo o drama familiar, tantas veces repetido por desgraza , da violencia machista. A perspectiva do neno acentúa a traxedia . A lectura da "redaccion" encolleu o corazón d@s que a lemos hoxe.

  
Como sempre, un minilibro e marcapáxinas para os membros do club.

Elena foi hoxe a Atrapasoños encargada de pendurar o minilibro.



xoves, 3 de maio de 2018

CANTO SE DIVERTÍAN

 
   Hoxe os Atrapasoños pequenos leron o relato de Isaac Asimov titulado "Canto se divertían" . O autor, que destacou no xénero da Ciencia Ficción e a divulgación científica,expón a súa visión sobre o futuro da educación e sorprendentemente realiza profecías  que se cumpriron  coa creación de Internet . 
    Asimov sostiña que existiría un modelo de educación no que cada rapaz , na súa casa puidese de xeito complementario á escola  contar cunha computadora, e facer todas as preguntas que quixese, podendo investigar sobre o que lle interese saber ao seu propio ritmo.


Chema foi o afortunado, levou un libro de Asimov no sorteo de hoxe.




xoves, 26 de abril de 2018

NADO DE HOME E MULLER


   O relato lido hoxe polos Atrapasoños pertence a Richard B. Matheson, un dos autores de ficción estadounidenses máis importantes do século XX, creador de novelas tan coñecidas como O home minguante ( The  Shrinking man, 1956). Este conto,"Born of man and woman", que lemos hoxe traducido ao galego, foi o primeiro que escribiu, cando tiña 24 anos, e que o fixo famoso inmediatamente.Nel camiñan da man o horror e a fantasía e... os Atrapasoños, claro, non quedamos indiferentes.